Translate

martes, 20 de diciembre de 2011

VACACIÓNS DE NADAL PRA O DEPOR









As vacacións do Nadal do Deportivo están condicionadas polo rendemento que ofrezan os xogadores na Copa do Rei e o seu futuro na competición, que determinará a data de regreso dos branquiazuis aos adestramentos.
 
Se os deportivistas, que defenderán este mércores en Valencia ante o Levante a renda (3-1) do encontro de ida, continúan adiante na competición volverán ao traballo o 29 de decembro ás 16:00 horas na cidade deportiva de Abegondo.
 
Comezarían entón a preparar o primeiro compromiso do ano 2012, que sería o encontro de ida de oitavos de final da Copa do Rei, previsto para o día 4 de xaneiro.
 
No caso de que o Levante remonte a eliminatoria e o Deportivo sexa apeado da competición, a data de regreso aos adestramentos dependerá do rendemento que ofrezan os xogadores no Ciutat de Valencia, segundo informou este martes o técnico branquiazul, José Luis Oltra, na súa comparecencia ante os medios de comunicación.
 
O primeiro partido do ano sería o fin de semana do 7 e 8 de xaneiro ante o Xerez no estadio municipal de Riazor e o corpo técnico podería decidir prolongar, pois, uns días máis o descanso do equipo en función de como "compita" ante o Levante.
 
"En principio, non está supeditado (o descanso) ao resultado senón á forma de competir. Só contemplo que o equipo compita ben e teña posibilidades de pasar. Nese caso, volvería o 29. Se non compite, tamén volvería o 29. Se compite ben pero che elimina o Levante, que pode facelo, porque ten futbolistas e nivel, xoga en casa e ata fixo un 'anuncio', volveriamos o día 2", dixo.

Os NON CONVOCADOS, POR ANTICIPADO
Aínda que o paraguaio Claudio Morel está xa de vacacións con permiso do club, o resto do persoal comezará o descanso do Nadal este mércores.
 
Os cinco xogadores, ademais de Morel, que non foron convocados para o partido co Levante iniciarán as vacacións despois do adestramento na cidade deportiva de Abegondo e o resto, tras o choque de Copa.
 
Deles, algúns compoñentes da expedición deportivista comezarán a viaxe de vacacións desde Valencia, onde quedará Oltra, mentres que outros regresarán en autobús a Galicia, onde chegarán pola mañá.
 
"Non é ningún castigo", comentou o técnico, quen engadiu que "é o mellor xeito (de regresar) tal e como están as datas".
 
"Eu son un afortunado e quédome en casa, outros teñen mellores conexións de Valencia, outros paran en Madrid. Se volvese co equipo, faríao así porque podes pasar a noite durmindo, podes saír incluso de viaxe cando chegues e non é un castigo", sinalou Oltra.Fuente galiciaé. @XALOMONTE

No hay comentarios:

Publicar un comentario