Juan Carlos Valerón, centrocampista do Deportivo, asegurou este xoves
que non comparte a idea de que o camiño de volta cara a Primeira
División tras o descenso de maio "vaia ser un paseo" a pesar da vitoria
do pasado domingo no clásico galego ante o Celta de Vigo, ao que
eloxiou.
"Creo que temos un bo equipo, pero non nos
cremos moi superiores aos demais. En Segunda hai equipos bos. Estamos a
traballar para subir, pero non comparto a idea de que isto vaia ser un
paseo", comentou na súa comparecencia ante os medios de comunicación.
O centrocampista afirmou que o Deportivo é "un bo equipo que está a
loitar en Segunda como moitos outros por subir a Primeira" e alertou de
que, se os xogadores perden "esa perspectiva", non van "ben" nunha
categoría "igualada".
"Segunda é diferente a Primeira. En Primeira hai unha diferenza moi
clara entre os equipos de arriba e o resto. En Segunda, nestes anos
viuse que equipos en decembro ou xaneiro están abaixo ao final están
arriba. O ideal é manterse na zona alta toda a tempada. É o que todos
queremos", valorou.
O xogador canario indicou que o Deportivo está "nunha posición bastante
aceptable" na clasificación de Segunda, pero advertiu de que "hai que
seguir sacando partidos porque non vai ser todo cor de rosa".
Neste sentido, recoñeceu que o equipo galego pasa dificultades cando os
rivais se pechan en defensa e máis facilidades cando se atopan con
equipos que saen a xogar.
PEOR CONTRA EQUIPOS QUE SE PECHAN ATRÁS
"En partidos nos que os equipos nos saíron a xogar hase visto que
adoitamos ter bastantes opcións e se cadra cústanos un pouquiño máis
cando son equipos que quedan atrás e non nos deixan poucos espazos, pero
como lle pasa a calquera equipo", puntualizou.
Entre eses equipos que propuxeron partidos máis abertos Valerón citou o
Celta de Vigo, ao que eloxiou despois do 2-1 do pasado domingo no
estadio de Riazor.
"Baixo o meu punto de vista viuse un moi bo partido, os dous equipos
apostaron por bo fútbol e o Celta ata día de hoxe foi o rival que máis
me gustou. Tivo as súas opcións", destacou o canario.
O seguinte rival do Deportivo será o Elche o vindeiro domingo no
Martínez Valero, "un bo equipo e un partido difícil" a xuízo de Valerón.Fuente Galiciae.@XALOMONTE